PROXECTO DE DETECCIÓN E ATENCIÓN A MULLERES PROSTITUÍDAS CON PROBLEMÁTICAS DE SAÚDE MENTAL E ADICCIÓNS
Este proxecto, liderado por Aliad Ultreia e financiado pola Consellería de Sanidade, pretende mellorar a detección e a coordinación entre os axentes implicados na recuperación das vítimas de explotación sexual para así mellorar a intervención creando un proxecto de restablecemento de carácter integral que ten unha doble finalidade:
- Mellorar a detección de problemáticas de saúde mental e adiccións por parte das entidades especializadas no traballo con mulleres prostituídas.
- Mellorar a detección de vítimas de trata e/ou explotación sexual por parte das e dos profesionais sanitarios.
Nesta web poderedes atopar información e ferramentas dirixidas tanto ó colectivo sanitario como ás entidades que traballan con vítimas da prostitución tendo cada colectivo unha pestana específica de consulta.
Pretendemos que este espazo web sexa un lugar para informarse, compartir propostas e sobre todo un espazo que axude a mellorar a observación de indicios e derivar os recursos máis pertinentes. Animámosvos a botarlle un ollo e a empregala ante casos onde haxa sospeitas!
Sobre o proxecto:
As consecuencias de ser vítima dun proceso de trata e/ou explotación sexual son múltiples e afectan aos diferentes eidos das vidas das mulleres pero, dentro destas afectacións, temos que destacar as consecuencias sobre a saúde das mulleres.
As redes de captación, saben onde dirixirse: países en conflicto ou con altas tasas de violencia, empobrecidos, con graves desigualdades de xénero… achegándose especialmente as comunidades/familias máis precarizadas polo que as mulleres captadas, en moitas ocasións, xa sufriron situacións de violencia desde a infancia (violacións, abusos, violencia na parella ou na familia, abandono, mendicidade…).
Trala captación súmanse novos xeitos de violencia que os/as explotadores/as empregan para manter ás mulleres en situación de prostitución: as ameazas, a intimidación, as coaccións, o illamento, o engano, o abuso de poder ou nas súas formas máis explicitas a forza física, a violencia sexual ou o rapto, xeran profundas pegadas nas mulleres que se acumulan ás xa vividas.
Mar Ramos Garcón, médica especialista en Psiquiatría do Programa Psiquiatría Transcultural do Hospital Vall d’Hebron de Barcelona, indica: “Existe unha relación directa entre a presenza destes trastornos psiquiátricos e o tempo en que as vítimas estiveron expostas ás redes de trata e ás rutas migratorias seguidas ate chegar a España. O factor tempo está relacionado coa acumulación de factores estresantes e traumáticos, que son de risco para a saúde mental.”
A depresión, os transtornos de ansiedade, o estrés postraumático, os transtornos da personalidade, as adiccións con sustancia… son, en moitas ocasións, a consecuencia destas experiencias. Mar tamén sinala a importancia de realizar intervencións temperás para facilitar a súa recuperación indicando a importancia dunha coordinación fluída entre as administración, servizos de saúde especializados e ONGs.
Este proxecto pretende mellorar a detección temperá das vítimas e das consecuencias de ter sido tratadas e explotadas sexualmente así como a intervención posterior con elas para mellorar o seu proceso de restablecemento.
O obxectivo deste proxecto e o establecemento dun mecanismo de detección e intervención coordinada entre os axentes implicados no restablecemento das mulleres prostituídas con problemática de saúde mental. Para elo marcámonos os seguintes obxectivos máis específicos:
A) Coñecer a autopercepción que teñen as mulleres prostituídas da súa saúde psicoemocional.
B) Mellorar a detección de vítimas de trata e/ou explotación sexual por parte das e dos profesionais sanitarios.
C) Mellorar a detección de problemáticas de saúde mental e adiccións por parte das entidades especializadas no traballo con mulleres prostituídas.
D) Xerar propostas de derivación e coordinación eficaces entre axentes sociais e sanitarios.
E) Mellorar o proceso de restablecemento das vítimas de trata e/ou explotación sexual.
As consecuencias de ser vítima dun proceso de trata e explotación sexual son múltiples e afectan aos diferentes eidos das vidas das mulleres, desde a súa situación xurídica, a garantía dos seus dereitos, o acceso aos recursos, a súa situación económica, a súa inserción laboral... pero dentro destas afectacións temos que destacar as consecuencias sobre a saúde das mulleres. A Rede Española contra la Trata recolle na súa guía básica algunhas delas en relación á saúde mental das vítimas: “trastorno do estado de ánimo, estrés agudo, ansiedade, fobias, ataques de pánico, depresión, trastornos da personalidade e adaptativos relacionados co consumo de drogas e alcol, trastornos amnésicos, disociativos e do sono”.
A vulnerabilidade en orixe é o factor fundamental para ser captada por unha mafia que despois, ao longo do proceso de traslado e explotación en destino, empregarán outras ferramentas co fin de xerar experiencias traumáticas que as manteñan na situación de abuso. Comprendendo o proceso de captación das mafias nos lugares de orixe, non podemos esquecer que ditas mafias captan mulleres en lugares empobrecidos, países con altas taxas de violencia contra as mulleres, conflito armado... dirixíndose especialmente as comunidades/familias máis precarizadas polo que as mulleres captadas, en moitas ocasións, xa sufriron situacións de especial dificultade no seu país de orixe (violación, abuso sexual, violencia na parella ou por parte dos pai/nai, sensación de inseguridade e ameaza na contorna, mendicidade, consumo de drogas...).
A ameaza, o uso da forza ou outros xeitos de coacción, o rapto, o fraude, o engano, o abuso de poder ou da situación de vulnerabilidade son, segundo o Protocolo de Palermo os mecanismos empregados na trata de persoas. A Organización Mundial da Saúde (OMS) recolle que estes mecanismos xeran danos prevalentes, persistentes e concomitantes nas vítimas deste xeito de violencia; indicando que a mala saúde mental é un efecto adverso asociado á trata de persoas.
O trastorno por estrés postraumático (TEPT) é, como sinala a propia OMS, un dos danos máis frecuentes nas vítimas de trata, sendo frecuente detectar mulleres con trastorno límite da personalidade (TLP) debido as súas historias de abuso emocional e trauma na infancia. Distintos estudios describen a comorbilidade frecuente entre TEPT e TLP (Driessen et al, 2002; McLean & Gallop, 2003; Harned, Rizvi, & Linehan 2010; Pagura et al, 2010; Pietrzak et al, 2010)
Mar Ramos Garcón, médica especialista en Psiquiatría do Programa Psiquiatría Transcultural do Hospital Vall d’Hebron de Barcelona, indica: “Existe unha relación directa entre a presenza destes trastornos psiquiátricos e o tempo en que as vítimas estiveron expostas ás redes de trata e ás rutas migratorias seguidas ata chegar a España. O factor tempo está relacionado coa acumulación de factores estresantes e traumáticos, que son de risco para a saúde mental. Os traumas son múltiples no camiño” e engade “deben realizarse intervencións temperás e derivacións a centros de atención de saúde mental, reducindo así a carga da enfermidade acumulada nos trastornos de ansiedade e, polo tanto, facilitando o proceso de inserción psico-social e recuperación. Reducir os Trastornos de Ansiedade e o TEPT facilitaría as intervencións dirixidas a promover mecanismos de resiliencia e benestar psicolóxico. As sobreviventes poden recuperarse física e psicolóxicamente se acceden a servicios e recursos apropiados e culturalmente sensibles”.
Neste artigo a doutora sinala a importancia da detección precoz para que non se cronifiquen ditos trastornos; pero sinala tamén as dificultades desta atención temperá relacionadas co (a dificultade de) acceso aos recursos e propón: “Neste contexto, resulta clave poder realizar esta avaliación adaptada culturalmente e nun entorno confortable e de confianza para as mulleres. Para poder levala a cabo, é precisa unha colaboración e coordinación multidisciplinar entre as distintas ONGs que acollen ás vítimas, ás administracións locais e estatais e aos servizos de saúde especializados. Esta colaboración permite romper as barreiras de acceso á saúde mental para este colectivo, diminuír o impacto das barreiras culturais e lingüísticas e reducir o temor ao estigma ante unha avaliación psiquiátrica”.
Amais, atendendo a publicación da OMS titulada: Comprender e abordar a violencia contra as mulleres, destácase que “o uso forzado u obrigatorio de drogas e alcol é frecuente na trata con fins de explotación sexual. As drogas e o alcol poden ser empregadas para controlar as persoas e aumentar as ganancias ou usados polas vítimas para facer fronte á difícil situación”’.
Na “Guía metodológica sobre prevención, reducción de daños, detección, derivación y acompañamiento de situaciones de consumos problemáticos en contextos de prostitución” atopamos unha boa explicación do marco conceptual no que se produce o consumo en prostitución. “…A prostitución visibiliza un modelo patriarcal e capitalista, onde as relacións entre homes e mulleres establécense cunha base de desigualdade onde o varón ten o poder e o diñeiro… Neste contexto prodúcese o acceso a corpos de mulleres por parte dos puteiros. En numerosas ocasións son os puteiros os que demandan que se produza ese consumo conxunto, maioritariamente de alcol, pero tamén de cocaína e en menor medida cannabis"
Despois de traballar varios anos con mulleres en prostitución podemos afirmar que o consumo de sustancias aditivas é moi habitual neste colectivo. Hai publicados estudos que amosan esta realidade, sen embargo, aínda existindo un coñecemento deste feito, non é habitual prestarlle atención a esta problemática.
No ámbito da prostitución podemos distinguir dous tipos de mulleres consumidoras como refiere a “Guía de Buenas Prácticas en la intervención en Prostitución”:
1) Mulleres cun consumo de drogas antecedente, é dicir, que xa consumían antes de atoparse en situación de prostitución e
2) Mulleres con consumo consecuente, que é cando a situación de prostitución desencadea un consumo de substancias, ben sexa de maneira voluntaria ou inducida para poder exercer.
Na primeira destas situacións, antecedente, é moi habitual que a prostitución se converta para estas mulleres nunha opción para acceder á/ás substancia/s das que presenta adicción, manténdoa e xustificándoa. Segundo un estudo da Fundación Atenea sobre consumo de drogas e prostitución publicado no ano 2018, cando o consumo é antecedente á situación de prostitución, as substancias maiormente consumidas son cocaína, heroína e metadona, sendo o perfil destas, mulleres españolas en prostitución de rúa. Sen embargo cando o consumo é consecuente, o que sucede principalmente en pisos e clubs, as substancias maioritariamente consumidas son alcol e cocaína e, en menor medida, cannabis e fármacos (benzodiacepinas e antidepresivos)
Agradecer a todas as persoas que colaboraron no deseño e construcción desta páxina e das súas ferramentas: Consultora Rizoma, Laura Redondo e Tania Corrás e a todos/as profesionais que participaron na revisión de ditas ferramentas facendo aportacións desde o seu eido profesional especialmente a Rede Galega contra a trata Sexual.
.

